Normativa de Mobilidade

NORMATIVA INTERNA APLICABLE AO PROGRAMA ERASMUS DE MOBILIDADE ESTUDANTIL NAS TITULACIÓNS DA FACULTADE DE CC. SOCIAIS E DA COMUNICACIÓN

NORMAS DE APLICACIÓN XERAL A TODAS AS TITULACIÓNS

1.- Sobre as convocatorias e a asignación de universidades de destino−

Universidades coas que existe acordo de intercambio. O alumnado interesado en solicitar unha bolsa deberá conseguir información específica sobre as universidades de destino, podendo contactar cos titores dos intercambios. A web da ORI (Oficina de Relacións Internacionais: http://www.uvigo.es/uvigo_gl/Administracion/ORI) dispón dun listado dos titores correspondentes e de enlaces cos sitios web de cada institución.

Proceso de solicitude. Todo o proceso relativo á solicitude das prazas convocadas está xestionado dende a ORI. Para resolver dúbidas sobre a convocatoria, os impresos, os prazos, as bolsas e a contía das mesmas (ou calquera outro aspecto de carácter administrativo), os/as solicitantes deberán dirixirse directamente á ORI (Edificio Miralles; tfno.: 986 813 550; correo electrónico: ori@uvigo.es).

Avaliación das solicitudes. Unha vez finalice o prazo de recepción de documentación pola ORI, o Vicedecanato de Relacións Internacionais da FCSC (cscinternacional@uvigo.es) encargarase de elaborar o listado seguindo os criterios de prelación estipulados para cada titulación (ver o explicado en seccións posteriores deste mesmo documento). O Vicedecanato publicará un listado coa prelación establecida. O alumnado solicitante deberá seguir as indicacións do Vicedecanato de Relacións Internacionais para escoller a universidade de destino, que serán publicadas xunto co listado. Aqueles/as solicitantes que non sigan as devanditas indicacións perderán os dereitos de adxudicación dun destino.

Unha vez publicada no taboleiro oficial de Relacións Internacionais da FCSC a resolución provisional, os/as candidatos/as poderán presentar, nun prazo de 10 días naturais, reclamacións debidamente razoadas ante o/a decano/a da Facultade de CC. Sociales y de la Comunicación.

Despois do prazo de reclamacións, e unha vez resoltas estas, a FCSC fará pública a resolución definitiva, que lle será remitida á ORI. De se produciren renuncias nun prazo inmediato (e sempre e cando sexa posible levar a cabo todas as xestións correspondentes na universidade de orixe e na de destino), a ORI poderá facer uso das listas de agarda, se as houber.

2. Sobre a matrícula

O alumnado participante en calquera programa de intercambio deberá matricularse na universidade de orixe (neste caso, a Universidade de Vigo) e na universidade de destino. Só pagará dereitos de matrícula na universidade de orixe. Se o/a estudante non pode efectuar a matrícula persoalmente na universidade, delegará nunha persoa, á que lle proporcionará unha relación detallada das materias da matrícula.

Sobre o recoñecemento dos créditos cursados O procedemento para solicitar o recoñecemento académico da estadía desenvolvida é o seguinte: O/a bolseiro/a deberá contactar co/a titor/a do intercambio (ver listado de titores/as dispoñible na convocatoria) antes de iniciar a súa estadía. O/a titor/a indicaralle os datos da persoa de contacto na institución allea e axudaralle a completar o seu contrato de estudos, recomendándolle cursos nos que lle convén matricularse segundo o seu perfil académico. As suxestións dos titores/as sobre materias nunca deben ser interpretadas polo alumno como recoñecementos definitivos, xa que estes corren a cargo do Vicedecanato de Relacións Internacionais.

As normas xerais da convocatoria Erasmus sinalan que “As universidades asociadas e cada estudante individualmente deberán concertar o programa de estudos antes de que o estudante viaxe ao estranxeiro”, de xeito que é moi aconsellable que, sempre que sexa posible, antes da súa partida o alumnado formalice o seu contrato de estudos a través da Secretaría Virtual, seguindo as indicacións recibidas en reunións informativas convocadas polo persoal da ORI. O prazo de entrega do contrato de estudos no Vicedecanato da FCSC remata o día 30 de xuño e será posible a súa modificación posterior no caso de que o alumnado deba facer cambios na escolla de materias ao chegar á universidade de destino. Todos os cambios solicitados polo alumnado han ser revisados polos seus titores académicos e aprobados polo Vicedecanato de Relacións Internacionais, mediante o novo envío do contrato de estudos a través da Secretaría Virtual.

A FCSC, a través do Vicedecanato de Relacións Internacionais correspondente, recoñecerá os créditos cursados nas institucións alleas atendendo aos seguintes criterios:

a) O/a alumno/a deberá demostrar que estivo matriculado/a na universidade de destino durante un ano académico, un cuadrimestre ou semestre.

b) O número máximo de créditos recoñecidos nunha estadía anual será de 60 ECTS. O número máximo recoñecido nunha estadía semestral será de 30 ECTS. En ambos casos, poderá haber unha flexibilidade de ata 2 ECTS. Esto sucederá unicamente en casos excepcionais que a (sub-)comisión orrespondente deberá valorar de maneira individualizada.

c) O/a bolseiro/a non poderá solicitar o recoñecemento de materias nas que non estea matriculado na Universidade de Vigo no ano académico no que desenvolveu a estadía. O/a bolseiro/a poderá estar matriculado en materias de cursos diferentes.

d) O/a bolseiro/a non poderá solicitar o recoñecemento de materias nas que obtivera a cualificación de suspenso, ou no presentado, na Universidade de Vigo.

e) O recoñecemento só será efectivo cando o/a alumno/a estea de volta na Universidade de Vigo e os certificados orixinais, coas cualificacións das materias cursadas nas universidades de destino, sexan remitidos á FCSC. Estes certificados deberán especificar o número de créditos ECTS superados e a cualificación obtida.

f) As cualifacións se corresponderán coas notas na universidade de destino e o recoñecemento se fará materia por materia ou en bloque segundo o acordado entre o alumno e o coordinador segundo o contrato de estudos

g) O Vicedecanato de Relacións Internacionais estudará o contrato de estudos presentado polo/a alumno/a e decidirá o recoñecemento tendo en conta que, para o recoñecemento de materias obrigatorias e troncais, será preciso que o/a alumno/a cursara na universidade de destino un número (cando menos) igual de créditos ECTS en materias con contidos equivalentes aos contidos das materias da Universidade de Vigo.

h) Unha vez feita a validación, o/a alumno/a poderá presentar reclamacións contra a decisión da comisión mediante un escrito dirixido ao decano/a da FCSC.

PARTICULARIDADES SOBRE OS PROGRAMAS DE INTERCAMBIO SEGUNDO A TITULACIÓN (LICENCIATURAS E GRAOS)

1. Indicacións xerais

As indicacións recollidas para cada praza ofertada (titulación, área, etc.) son vinculantes, é dicir, indican que teñen preferencia os candidatos que cumpran esa condición.

O Vicedecanato de Relacións Internacionais será soberano na resolución de solicitudes cunha circunstancia especial.

O alumnado que opte por unha praza non nual deberá facer constar, no momento de elixir praza, cal é o cuadrimestre ou semestre da súa preferencia.

2. Alumnado de Graos

Calcularase a nota media de cada estudante conforme ao protocolo de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo para a valoración de expedientes académicos (DOG 30 setembro, 2011). Para o calculo desta nota media, o Secretaría de Alumnos da FCSC deberá ter en conta as cualificacións que consten no expediente académico do estudante unha vez remate o prazo de entrega de actas do 1º semestre do curso académico vixente.

Deberase ter en conta que, para o alumnado de 1º curso de Grao, será imprescindible ter superado un mínimo de 30 créditos ECTS no momento de seleccionar praza de destino. Para o alumnado de cursos posteriores de Grao, será imprescindible ter superado un mínimo dun 80% dos créditos correspondentes ao seu 1º curso no momento de seleccionar praza de destino.

En caso de expedientes coa mesma media, daráselles preferencia aos expedientes co maior número de créditos aprobados; de haber coincidencia no número de créditos aprobados, farase un sorteo.

ANEXO: ALUMNADO PROPIO EN MOBILIDADE NO PRIMEIRO CUATRIMESTRE CON CONTRATO DE ESTUDOS CON MATERIAS DO SEGUNDO CUATRIMESTRE