Máster en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais

Duración: Titulación de 60 ECTS e 3 módulos distribuidos en 2 semestres.
Linguas nas que se imparte: Galego e castelán.
Número de prazas: 25
Centro de adscrición: Facultade de Ciencias Socias e da Comunicación, Campus de Pontevedra.
Sitio web: www.mastersocialmedia.webs.uvigo.es/

 

O obxectivo do título é formar a profesionais e dotalos das competencias propias de dous perfís claramente identificados dentro da industria TIC:

Social Media Manager: Responsable da creación, desenvolvemento, implantación e avaliación da estratexia de comunicación dunha empresa, produto ou institución en medios sociais.

Content Manager: Responsable da creación dos contidos, en calquera formato, que unha empresa ou institución publicará en medios sociais, blogs ou webs: redacta textos, crea imaxes e vídeos optimizados para os distintos medios e soportes online.

O plan de estudos responde ao detalle ás necesidades formativas detectadas nestes dous perfís que configuran os dous módulos principais: Estratexia e Creación. A necesidade adicional de dotar ao alumnado das competencias necesarias para emprender a súa actividade profesional de forma autónoma dá lugar a un terceiro módulo de Emprendemento.

O módulo de Estratexia agrupa sete materias: Ecosistema de medios sociais e ferramentas dixitais, Dirección estratéxica de comunicación dixital, Estratexia de contidos, Comunicación de crise e reputación dixital, Análise de métricas e avaliación da eficacia en medios dixitais, e Digital Media Planning, que se imparten integramente no primeiro cuadrimestre.

O módulo de Creación está formado por sete materias: Xestión, edición e publicación de contidos con CMS, Redacción para medios dixitais e redes sociais, Fotografía para web e redes sociais, Deseño para medios dixitais, Infografía e visualización de datos, Desenvolvemento de narrativas audiovisuais en contextos dixitais, Creación e distribución de contidos audiovisuais en redes. Neste módulo dáse cobertura ás competencias relacionadas coa creación de contidos en texto, deseño, fotografía e vídeo para web e redes sociais. Impartidas entre o primeiro cuadrimestre e o segundo, de forma secuencial e agrupando as materias que establecen maior cantidade de sinerxias entre elas pola súa temática común: texto, gráfica e vídeo.

O módulo de Emprendemento agrupa unha materia específica: Emprendemento e Social Media, con prácticas e Traballo Fin de Máster, dado que este último consistirá na elaboración por parte do alumnado dun portfolio profesional e dun social media plan sobre a súa propia identidade dixital e presenza profesional en redes, de maneira que o resultado poida contribuír tanto á súa inserción laboral como ao comezo dunha actividade profesional autónoma. A materia de Emprendemento en Social Media impártese no primeiro cuadrimestre para que o alumnado poida optimizar o traballo de creación de contidos durante o segundo semestre e enfocalo á construción da súa marca persoal.

 

Máis información sobre o Máster.