Procedementos de acollida e orientación dos estudantes de novo ingreso

Os alumnos que accedan ao grao en Comunicación Audiovisual contarán con actividades específicas de apoio e orientación:

Xornadas de acollida: Ao comezo de cada curso organízanse xornadas de orientación e divulgación dirixidas aos novos ingresados onde se lles ofrece información básica para o desenvolvemento da súa vida como estudantes: estrutura organizativa da Facultade e da universidade, sentido e estrutura dos estudos, funcionamento dos distintos servizos e infraestruturas (biblioteca, talleres, aulas, material e ferramentas á súa disposición,…). Nestas xornadas ofréceselles información xeral de carácter académico que lles oriente sobre o desenvolvemento dos seus estudos con vistas ao mellor aproveitamento das actividades formativas programadas. A Biblioteca organiza charlas e cursos específicos dirixidos aos novos estudantes sobre o uso da mesma: organización dos fondos, accesibilidade, sistemas de procura en arquivos, sistemas de peticións de títulos, etc.

Actividades de apoio:

  • Programa de actividades paralelas: información na axenda da facultade.
  • Sesións informativas da Oficina de Relacións Internacionais
  • Delegación de alumnos.
  • Gabinete Psicopedagógico da Universidade de Vigo.

Plan de Acción Tutorial: Os obxectivos do Plan de Acción Tutorial son:

  • Informar e orientar ao novo alumnado sobre a estruturación e o funcionamento da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e do Campus de Pontevedra, para lograr, así, unha maior integración no contexto universitario.
  • Facilitar o proceso de adaptación do ensino secundario, dos ciclos formativos, ou doutras vías de acceso á universidade.
  • Contribuír á integración do alumno no Campus Universitario e na cidade de Pontevedra.
  • Informar o estudante sobre cuestións académicas e/ou profesionais.
  • Fomentar a participación do alumnado nos distintos ámbitos da vida universitaria.
  • Analizar o desenvolvemento do alumnado tanto no plano académico como no persoal.
  • Valorar a necesidade do apoio tutorial como instrumento de coñecemento e reflexión no proceso de formación universitario.
  • Axudar ao alumnado, na medida do posible, naqueles problemas ou situacións que lles provoquen inquietude e ansiedade.

Plan de acción titorial